Prezo:
En Santiago de la Muela podemos atopar moitas das características dos mellores músicos de jazz e, por suposto, todas as cualidades necesarias que precisa un profesional deste estilo no contexto español. Ademais da mestría coa guitarra e da habilidade compositiva, Santiago de la Muela posúe a teimosía e a paixón precisa para embarcarse en proxectos cobizosos, sexa formar unha big band, transmitir coñecementos aos novos músicos ou representar os intereses dos profesionais do jazz –presidiu a asociación de Madrid e ten participado doutras plataformas de apoio ao jazz-. O canario coñece ben cales son as tarefas dun músico todoterreo dentro dun contexto como o jazzístico: compoñer, arranxar, interpretar, pero tamén xestionar, promocionar e vender. A creación e mantemento dunha big band supón unha nova tan extraordinaria como excepcional xa que os problemas loxísticos e económicos que carrexa non son poucos; se ademais se trata dunha orquestra dirixida con acerto, cun equilibrado repertorio en directo de orixinais —con temas como Samba para Pepita, adicada á nai do guitarrista, ou Fin de trayecto, adicado a un familiar republicano do guitarrista morto na guerra do 36, ambos incluídos no disco Líneas Paralelas- e estandars, unha sólida sección rítmica, co contrabaixista Christian Pérez, o baterista Carlos “Sir Charles” González e unha das poucas mulleres solistas de jazz en España, a pianista Marta Sánchez, ademais dun colectivo de músicos xóvenes que poñen ao día o espíritu das big bands de sempre, non é de estrañar a boa acollida que Santiago de la Muela Jazz Orchestra tivo no circuito.