Prezo:
O guitarrista Pepe Evangelista rexistra con Teima (Audia Records, 2007) un proxecto que supón un punto de inflexión na súa experiencia na escritura de jazz. O propio guitarrista recoñece que, sen perder o seu sentido da melodía, apartouse do rigor clasicista a favor dunha composición e interpretación que nalgún momento achégase ao free jazz. Pepe Evangelista é unha desas figuras imprescindibles para entender o auxe do jazz no país e concretamente nunha cidade como A Coruña. Actualmente é o responsable do departamento de jazz no Conservatorio Superior de Música desa cidade. Reúnense neste proxecto xunto a el tres das figuras máis dinámicas e relevantes do jazz no país con moitos puntos en común. Roberto Somoza ten actuado desde moi novo na escena jazzística, nun primeiro momento na cidade da Coruña na que actualmente é profesor de saxofón no Grao Superior de Jazz do Conservatorio. O saxofonista colaborou con músicos diversos e editou dous discos como líder Regra de Tres (Xingra, 2004) e Tempos de Cambio (Xingra, 2006). Kin García estodiou nos conservatorios de Santiago de Compostela e A Coruña e axiña comezou a colaborar con músicos como Alberto Conde e Xesús Pimentel, primeiro, e Nani García e Fernando Llorca, despois. Son máis que reseñables as súas relacións co mundo do folk e tamén imparte clase, no seu caso de baixo eléctrico, no conservatorio da Coruña. O batería Miguel Cabana, coñecedor xa como os seus compañeiros do festival Imaxina Sons en anteriores edicións, é un reputado batería que colabora habitualmente con músicos como Alberto Conde e Carmen Rey.