Andreas Willers
  • Teatro-Cine Salesianos. 3.07.2009, 21:00.
  • Prezo: 3€

Concertos. Andreas Willers

Montauk

Andreas Willers (Berlín, Alemaña, 1957) está considerado un dos mellores guitarristas do jazz actual. Influído polo blues, pola improvisación e polas novas músicas, Willers explora tamén as posibilidades do campo electrónico e das músicas étnicas. A súa versatilidade como intérprete conduce a guitarra con mestría no máis amplo espectro estilístico. O seu rexistro como intérprete abala entre o son bizarro –como nas súa recreacións de Jimmi Hendrix- e o vangardismo que impregnan traballos como Montauk (edición discográfica en Between the lines, 2005), que presenta nesta quinta edición de Imaxina Sons. Como compositor, cada proxecto parte dunha idea ou concepto; no caso de Montauk, dunha obra literaria de Max Frisch.

Non é a primeira vez que o guitarrista xermano procura inspiración na literatura para compoñer; de feito iniciou esta liña conceptual co disco Tin Drum Stories (Between the Lines, 2000) tendo como punto de partida a famosa obra do Premio Nobel Alemán Günter Grass Die Blechtrommel (O tambor de folla de lata), publicada en 1959. Con Montauk, Willers recupera efectos de guitarra propios dos anos sesenta e alguns trazos de música étnica, especialmente canto toca o banxo, reserva un papel especial no proxecto para o violín de Dominique Pifárely, que xa visitou como solista o Festival Imaxina Sons na súa segunda edición de 2006. Ambos son os piares sobre os que se asenta o compacto resultado sonoro de Montauk, un proxecto con amplitude de miras no que a escritura de Willers axústase perfectamente á interpretación dos seus compañeiros de formación.

  • Andreas Willers, guitarra 
  • Dominique Pifarély, violín
  • Alain Grange, cello
  • Rudi Fischerlehner, percusións

Máis


Xunta de Galicia
Caixanova
Concello de Vigo