Jam session

Pablo Castaño

Venres, 29 de xuño. 24:00
Café Vitruvia. Praza de Compostela, nº 5
Entrada libre ata completar capacidade

Pablo Castaño

Pablo Castaño recibiu unha bolsa de estudos e no ano 2007 obtivo un BFA in Jazz Performance pola New School University (nyc) no que acabou sendo o primeiro da clase. Residiu na cidade de Nova York como músico independente.

Neste período traballou de sideman en concertos e gravacións con Tom Abbott, Stan Rubin, José James, Eyal Vilner, Wade Burnes, Bobby Sanabria, Woogie Lee, Art Lillard, YoungMin You e Felix Endico, entre outros moitos artistas destacados da escena jazzística neoiorquina. Smalls, Minton’s Playhouse, Fat Cat, Iridium, Jazz Garage, Carnegie Club, Swing 46, o Jazz at Lincoln Center e a convención da Jazz Improv Magazine foron os escenarios habituais nos que Pablo Castaño desenvolveu a súa carreira profesional como músico de jazz na cidade estadounidense. Xa de volta no país, ademais de colaborar regularmente con Xacobe Martínez, Marcos Pin, Abe Rábade, Iago Fernández, Yago Vázquez e Marcelino Galán, lidera o seu propio septeto e trío. En 2009 participa na xira e gravación en dvd de Descarga ao Vivo. Cuba-Galiza. En 2011 forma parte do elenco de músicos da recoñecida produción do Centro Dramático Galego A opera dos tres reás (Bertolt Brecht/Kurt Weill), dirixida por Quico Cadaval, coa que vai de xira polas principais salas de teatro de España.

Pablo Castaño exerce a docencia no Conservatorio de Grao Medio de Ribeira e na Escola Estudio. Tamén imparte varios seminarios de jazz (Merza, Rianxo, Bandeira…). Entre as súas gravacións destacan as colaboracións con Marcelino Galán, Zinco (2007) e The Gift (2013); Xacobe Martínez, Trio (Free Code Jazz Records, 2008) José James, Blackmagic (2009); Carlos López, Last Minute Project (2009); Descarga ao Vivo. Cuba-Galiza (2009); YoungMin You, First Love (2010); Felix and the Cats (2010); Eyal Vilner Big Band, Introducing (2011); Marcos Pin, Barbanza e Broken Artist (2016); Rafa Fernández (2013); Ton Risco, Impronunciable (2013), e Alfonso Calvo e Ángeles Dorrío, Ten Soul (2014).

Participou ademais na gravación de varias bandas sonoras, entre as que destaca a de Met in NYC (Sergio Pena/Abe Rábade) e Bacteria mutante (Suso Alonso). En 2018 grava o seu primeiro disco como líder, titulado A-la-láa, no que aproveita a liberdade interpretativa deste tipo de pezas para explorar novos campos improvisatorios.

  • Pablo Castaño, saxos, arranxos e composición
  • Marcos Pin, guitarra
  • Paco Charlín, contrabaixo
  • Naíma Acuña, batería