Nome imprescindible no jazz peninsular, Abe Rábade (Santiago de Compostela, 1977) participou nos últimos anos en diversidade de proxectos coa vontade manifesta de rachar etiquetas. Tiña catro anos cando empezou estudar música e aos dezasete anos foise aos Estados Unidos, onde se licencia cum laude en Jazz Composition e Piano Performance polo Berklee College of Music en Boston. Desde 2000 reside en Santiago de Compostela, e sen dúbida, o arranque da súa traxectoria profesional recebe un importante apoio un ano despois cando acada co seu trío e o traballo Babel de Sons (Xingra, 2001) o segundo premio no festival de Getxo e ademais recibe o premio Tete Montoliu ao mellor pianista revelación en España, outorgado pola SGAE. Actualmente compaxina a composición e a interpretación co seu labor docente e co-director no Seminario de Jazz de Pontevedra, xunto a Paco Charlín.

Músico de formación clásica, o contrabaixista Pablo Martín Caminero (Vitoria, 1974) móvese con moita facilidade en diferentes ámbitos e con compañeiros moi variados. Sinfónico, barroco, flamenco e, por suposto, jazz. Así é este músico, que camiña tamén pola grande pantalla como compositor de bandas sonoras. A conexión portuguesa do trío é o batería Bruno Pedroso, (Lisboa, 1969), un dos máis solicitados da escena do país veciño.


  • Abe Rábade: piano e composición

  • Pablo Martín Caminero: contrabaixo

  • Bruno Pedroso: batería
Web
Abe Rábade Trío. Once