Por Quinito L. Mourelle
Non imaxinaba que o flashback fose tan fidedigno. Sobre as táboas do Auditorio Municipal, o trío do contrabajista Arild Andersen fíxonos retroceder a aquel oitenta, cando músicos como o propio Andersen ou o seu compatriota Jan Garbarek lideraban o estilo do momento baixo as siglas de ECM, o selo discográfico que proxectou as súas carreiras. Atmosferas relaxadas e temáticas folclóricas seguen sendo os seus elementos de traballo. Témome que esa estética se quedou algo trasnoitada e que, partindo deses mesmos motivos folclóricos, o trío podería chegar a outras cotas de abstracción, liberarse da harmonía e as estruturas e fluír cun rumbo máis contemporáneo.
Por Quinito L. Mourelle
Non imaxinaba que o flashback fose tan fidedigno. Sobre as táboas do Auditorio Municipal, o trío do contrabajista Arild Andersen fíxonos retroceder a aquel oitenta, cando músicos como o propio Andersen ou o seu compatriota Jan Garbarek lideraban o estilo do momento baixo as siglas de ECM, o selo discográfico que proxectou as súas carreiras. Atmosferas relaxadas e temáticas folclóricas seguen sendo os seus elementos de traballo. Témome que esa estética se quedou algo trasnoitada e que, partindo deses mesmos motivos folclóricos, o trío podería chegar a outras cotas de abstracción, liberarse da harmonía e as estruturas e fluír cun rumbo máis contemporáneo. Quizá o máis delicado da velada foi a intelixente utilización dalgúns loops cos que se enriqueceu o tecido do contrabaixo. (Lembran o traballo de Eberhard Weber en I Took Up The Runes?). Tommy Smith estivo correcto ao saxo e fixo gala dunha notable fluidez, pero agradeceríanselle algunhas pinceladas por fóra do lenzo e afastadas da sombra inevitable de Garbarek. O mesmo pode argumentarse de Paolo Vinaccia, algo constreñido por un sentido rítmico preciso pero ancorado en ideas do pasado que perderon brillo. Os copos de neve seguen sendo fermosos, pero hai que contemplalos con outra óptica.
Pola súa banda, Roberto Somoza presentou ao público vigués The Vanguard, a súa cuarta gravación como líder. Como novidades respecto das anteriores destacan a utilización do saxo alto en todos os temas e o formato de big band. Os arranxos conxugan algúns elementos da era do swing e de Kind of Blue con rítmicas e patróns máis modernos, e as composicións están perfiladas con estruturas progresivas nas que asoman sorpresas agradables e boas cartas para os solistas. De sobremesa unha nova composición na que, xa que o protagonismo recaía no saxo alto, Somoza homenaxeou a Parker e aos heroes do be bop. Os sós, a enerxía da posta en escena e a orixinalidade das composicións (respectuosas co jazz de outrora pero ben contextualizadas) deixaron moi bo sabor de boca.