12 junio, 2012 Presentación da 8ª edición do Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons
Hoxe martes 12 de xuño ás 12h o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a concelleira da Área de Cultura e Festas, Isaura Abelairas, presentaron o programa da oitava edición do festival de jazz Imaxina Sons. Na rolda de prensa participou o compositor e músico Nani García, director artístico do festival. A cidade de Vigo continuará este ano sendo unha referencia para o jazz europeo coa celebración do festival que, organizado desde o concello, desenvolve a súa oitava edición do 21 ao 30 de xuño.
Vigo e o seu público gozarán da grande festa do jazz no verán. Imaxina Sons é un dos festivais de jazz máis prestixiosos da península e nesta oitava edición presenta unha aposta decidida, un ano máis, polo mellor jazz facturado en Europa, con especial atención á nosa contorna máis próxima. O programa, explicado polo miúdo no acto de presentación, inclúe grandes figuras do jazz continental que se mesturan cos novos valores que están a marcar os carreiros actuais nesta música; unha programación na que o jazz galego e portugués afianzan o seu espazo como fontes fundamentais para Imaxina Sons.
Nesta oitava edición, do 21 ao 30 de xuño, Imaxina Sons segue traballando para crear novas audiencias, servir de punto de encontro entre creadores, públicos e divulgadores, consolidarse como referencia de programación de calidade en Galicia e contribuír á dinamización da cidade. Os escenarios do festival localízanse en diferentes puntos estratéxicos do Vigo cultural: o Auditorio Municipal, o Conservatorio Superior de Música, o MARCO ou a Praza da Constitución, incorporando nesta edición novos lugares para o jazz.
Máis info no dossier de prensa.