Catro músicos que camiñan por outras tanta liñas de metro de cor mentres van interpretando a partitura que marca o percorrido? A peza Transbordo Espacial non é só unha partitura xigante de 12 metros de longo por catro e medio de ancho. É un percorrido musical feito a través das cores. Forma parte da exposición “Transbordo espacial. Partituras gráficas” de Pelayo Fernández Arrizabalaga que se inaugura o xoves 7 de xullo da man do servizo de Museos do concello de Vigo. O conxunto vigués Vertixe Sonora Ensemble será o encargado de percorrer musicalmente a obra do cántabro na inauguración da exposición, actividade que forma parte da programación do 12º Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons. Formado nas artes plásticas e visuais e considerándose a si mesmo un músico “de ouvido”, Pelayo Fernández Arrizabalaga (Laredo, 1949) botou man de aparellos visuais para comprender a notación musical. O que nacía como un sistema de apoio no seu desenvolvemento musical tomou forma como proxecto plástico-musical coa construción dun círculo cromático de notas. A nota DO era vermella e, fronte a ela, SI era dun ton verde prado. Primero foron temas de Charlie Parker pasados a cor; despois a escritura cromática de “Giant Steps” de John Coltrane e, como derivación lóxica, naceu a partitura xiratoria. Un cadro, si, pero susceptible de ser lido por un intérprete musical. Sen abandoar o concepto “partitura” pero afastándose do pentagrama tradicional, as obras de Pelayo Fernández foron incorporando novos símbolos e elementos xeométricos, en boa parte polo achegamento do artista á electroacústica. Seguía os pasos de compositores como Karlheinz Stockhausen ou Mauricio Kagel no uso de partituras gráficas. Pelayo Fernández Arrizabalaga estudou Belas Artes en Madrid e durante os anos setenta foi saxofonista e clarinetista en formacións de jazz como Orgón e José Antonio Galicia Flamenco Jazz. Nos anos oitenta fundou Clónicos con Markus Breus, levando aos escenarios xoguetes, taladros, serras mecánicas, radios, tocadiscos, casettes, gongs, percusións, instrumentos convencionais e non convencionales “e cables, moitos cables”. Desde 1993 vive en Suíza, onde continúa a desenvolver proxectos de música improvisada e electrónica.

Camiñar pola partitura

As partituras gráficas de Pelayo Fernández Arrizabalaga non son só visualizacións das súas composicións. En Vigo presenta unha selección de quince pezas de diferentes tamaños e formatos, unha mostra que se inclúe na programación do 12º Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons, A través delas achegouse á obra de músicos nos que tiña un interese especial: Claude Debussy, Olivier Messianen, Gianto Scelsi ou Jimmy Lyons. Nos traballos gráficos ideados polo artista non falta a representación de diferentes parámetros musicais: altura, volume, silencio, ruído, dinámica, duración, ritmo. Tamén improvisa Pelayo Fernández con liñas e cores que logo interpreta. Así acontece na peza “Transbordo espacial”, na que os intérpretes poden escoller diferentes camiños para a improvisación nunha rede de metro que combina liñas e transbordos. Unha peza sobre o chan, de grande tamaño, doce por catro metros, con lugares de cruce de liñas que funcionan como puntos de « Transbordo », puidendo o intérprete cambiar a outra liña de forma similar a como se fai no metro das cidades. Estes puntos de transbordo son lugares de parada e improvisación. O xoves 7 de xullo na Casa das Artes serán os membros de Vertixe Sonora Ensemble os que interpreten a peza gráfica, en concreto Mario Peris, violín, Pablo Coello, saxofón, Felipe Agell, clarinete, e Nerea Rodríguez, acordeón. Desde a súa aparición en 2010, Vertixe Sonora Ensemble converteuse nun auténtico revulsivo da sociedade galega. A súa permanente estrea de obras novas permite que Galicia participe da creación sonora internacional cun protagonismo activo e desafiante. Integrada por destacados solistas de música contemporánea de Galicia e de Portugal, Vertixe Sonora Ensemble conxuga artistas sonoros, artistas plásticos, músicos de jazz, intérpretes clásicos e xente do teatro e da danza. Vertixe Sonora desenvolve unha programación diversificada: o ciclo Música e Arte: Correspondencias Sonoras (CGAC) e sonUTopías (campUSCulturae, da Universidade de Santiago de Compostela), o Festival Internacional de Creación Musical Contemporánea Vertixe Sonora en Vigo ou o ciclo MIHLsons na cidade de Lugo son algunhas das achegas que están a renovar os públicos de música clásica en Galicia. O venres 7 de xullo a partir das 11h, na mesma Casa das Artes, aproveitando a presenza do artista Pelayo Fernández Arrizabalaga desenvolverase un obradoiro impartido por el con músicos e estudantes de música.