Tres músicos excepcionais con apelidos moi comúns.
O pianista Agustí Fernández (Palma de Mallorca, 1954), o contrabaixista Baldo Martínez (Ferrol, 1959) e o batería Ramón López (Alacante, 1961) escóitanse, tocan e constrúen unha obra colectiva froito da calidade individual de cada un dos tres e da súa capacidade para poñela en común.
Traspasando as fronteiras do jazz, subiron ao escenario xuntos case de maneira fortuíta en 2006 e na súa estrea no Festival Les Couleurs du Jazz en París xa quedaba claro que este “triálogo” era un magnífico exercicio de composición libre.
Agora prepáranse para editar o seu primeiro disco no vindeiro outono; mentres quecen motores en acolledores espazos como a sexta edición de Imaxina Sons en Vigo.