Sobre o escenario de Caixanova, tres grandes músicos e o traballo dun fotógrafo de primeira liña: a proxección das abraiantes imaxes africanas de Guy le Querrec convértese nun elemento fundamental neste concerto do 6º Imaxina Sons. O saxofonista e clarinetista Louis Sclavis (Lyon, Francia, 1953), o contrabaixista Henri Texier (París, Francia, 1945) e o batería Aldo Romano (Belluno, Italia, 1941) atopáronse con África hai vinte anos e esa experiencia incorporouse de maneira definitiva ao seu traballo.
Descubriron xuntos nun primeiro momento África Central acompañados do fotógrafo Guy le Querrec, viaxeiro incansable e con intensos vínculos profesionais co mundo do jazz.
O resultado desa e das posteriores visitas africanas é unha viaxe jazzística que explora África desde a perspectiva de tres músicos asentados en Europa e tres discos editados até o momento con obras de cada un deles: Carnet de Routes (Label Bleu 1995), Suite Africaine (Label Bleu, 1999) e African Flash Back (Label Bleu, 2005).
O fotógrafo Guy le Querrec (Bretaña, Francia, 1941) convértese nun cuarto membro neste proxecto integrando o seu traballo fotográfico, non só nas edicións discográficas mencionadas con libretos espléndidos, senón na posta en escena dos concertos.
Root Africaine é o título do concerto co que o 6º Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons pon sobre o escenario a tres das figuras de referencia do jazz europeo transitando polas imaxes africanas de Guy le Querrec.