6º Festival de Jazz de Vigo

Martial Solal

Concerto de inauguración. Martial Solal Newdecaband

Trátase dunha das lendas vivas do piano e poucos poden facerlle sombra no dominio das oitenta e oito teclas a Martial Solal (Arxelia, 1927). Con toda a bagaxe que acumula detrás e aos seus oitenta e tres anos o pianista practica a diario durante horas porque no traballo constante reside a súa mestría.

Esa mestría pola que algúns críticos din que é un dos poucos que pode traducir inmediatamente nas teclas o que pasa pola súa imaxinación. Nos seus comezos chegou a tocar con Django Reinhardt e acadou celebridade compoñendo extraordinarias bandas sonoras para o mellor cine francés.

Sen dúbida, a presenza de Martial Solal en Imaxina Sons era obrigada; era unha cuestión de tempo e oportunidade para un festival que, non só acredita, senón que se alimenta do jazz europeo e para o cal Solal é un referente.

Co proxecto Newdecaband o pianista reúne a colaboradores habituais como Eric Le Lann cunha nova vaga de músicos franceses para un traballo vibrante que soa descaradamente cinematográfico e que será a mellor apertura posible para a sexta edición de Imaxina Sons.

  • Martial Solal, piano
  • Claude Egea & Eric Le Lann, trompetas
  • Jean-Jacques Justafré, trompa
  • Claudia Solal, voz
  • Denis Leloup & Marc Roger, trombóns
  • François Thilliez, tuba
  • Thomas Grimmonprez, percusións
  • Jean-Philippe Morel, baixo eléctrico e acústico