7º Festival de Jazz de Vigo

Dave Douglas Quintet

Concerto de clausura. Dave Douglas Quintet


“O jazz está vivo, é vibrante e é vital”. Quen así fala é un dos músicos máis prolíficos, destacados e convencidos do jazz actual en todo o mundo. Dave Douglas (New Jersey, EUA, 1963), o renomeado trompetista e compositor, considera que o poder da música está por riba das palabras e que, se ben o seu é un traballo persoal como ten que ser o de calquera músico, non deixa de estar conectado coas preocupacións e inquedanzas que moven o mundo.

Dúas veces nominado aos Grammy, Dave Douglas será o encargado de pechar a sexta edición do Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons co seu quinteto, un dos seus proxectos máis maduros co que percorre un amplo abano dos sons jazzísticos contemporáneos.

Miles Davis e Wayne Shorter inspiran este proxecto dun trompetista que non só non renega dos que o precederon, senón que se sente obrigado a recoñecer o seu maxisterio.

No escenario de Caixanova, formando parte do quinteto de Douglas, o xenial pianista Uri Caine. Hiperactivo e rebordante de bo humor, Dave Douglas é considerado por parte da crítica como o jazzista americano máis europeo; o trompeta, porén, renega de etiquetas ao crer que encorsetan e limitan aos músicos e, aínda que sempre conciliador, teimudo na defensa da vitalidade do jazz norteamericano

  • Dave Douglas, trompeta
  • Donny McCaslin, saxo tenor
  • James Genus, contrabaixo
  • Clarence Penn, batería
  • Uri Caine, piano