6º Festival de Jazz de Vigo

Por Quinito L. Mourelle

O concerto de O.M.E.G.A (Orquestra de Música Espontánea de Galicia) xerou unha grande expectación tanto para os que descoñeciamos o seu traballo como para os que tiñan a curiosidade de comprobar o resultado da súa interacción con Fred Frith.

Novas

30.06.09 Unha orquestra con moitos megas e un repertorio sorpresa

Por Quinito L. Mourelle

O concerto de O.M.E.G.A (Orquestra de Música Espontánea de Galicia) xerou unha grande expectación tanto para os que descoñeciamos o seu traballo como para os que tiñan a curiosidade de comprobar o resultado da súa interacción con Fred Frith. Os parabéns destas liñas van dirixidos a ambos e, dun xeito metafórico, á comunicación, ao milagre que supón o entendemento entre eses dous organismos (o pluriforme frente ao individual) para crear música ou para liberala de onde estaba agachada. O concerto constou dun único bloque dunha hora de duración no que a organización ou as suxestións condutistas de Fred Frith foron moldeando unha sonoridade evolutiva xerada a partir de varios recursos: ostinatos que derivaban en capas de son solapadas, xogos de intercambio de fugaces papeis solistas nos que eran os propios músicos os que decidían quen era o seguinte en asumir ese rol etc. O resultado non foi outro que unha fermosa mostra de música contemporánea xerada no momento, viva e irrepetible.

A maior sorpresa do concerto de Miroslav Vitous non foi, como podía ser previsible, a exposición sobre a mesa das súas cartas: como lembrar a un grupo liderado por un teclista reunindo sobre o escenario unha formación sen instrumentos harmónicos. Axiña puidemos comprobar que non era o espírito de Zawinul o que quería invocar o contrabaixista checo. E, como primeira evidencia palpable, na fronte e sen aviso, espetounos unha fermosa versión de Autumn Leaves —si, un estándard de patio de escola— na que se destapou xa sen reservas a emulación bakeriana do trompetista Franco Ambrosetti. Tamén tivo o seu espazo o italiano para manifestar o seu clasicismo bopero, case gillespiano, en fraseos máis atléticos, pero outra vez o repertorio —con I Fall In Love Too Easyly e no bis con Stella By Starlight — tróuxonos de volta ao señor Baker e a súa emotiva vea melódica. O líder deixou patencia da súa técnica e da súa inventiva á hora de combinar a súa interpretación con sons pregravados (Estaba aí dentro Zawinul, pechado nunha máquina como o xenio da lámpara?). O contrapunto formal debería ter chegado da man do saxofonista Robert Bonisolo, dono dun discurso máis moderno que o do trompetista pero sen intención de rachar cos moldes.