6º Festival de Jazz de Vigo

Por Quinito L. Mourelle

O trío formado por Colina, Miralta e Sambeat pode gabarse dunha ensamblaxe sen fisuras, froito da complicidade e o entendemento dos seus integrantes. A ese oficio hai que sumarlle a oportunidade dun repertorio moi ben escollido e achegado ao público por introducir elementos folclóricos que, aínda que complexos nas súas entrañas, resultan familiares e fácilmente asimilables para o ouvido.

Novas

3.07.09 Un repertorio oportuno e Zappa

Por Quinito L. Mourelle

O trío formado por Colina, Miralta e Sambeat pode gabarse dunha ensamblaxe sen fisuras, froito da complicidade e o entendemento dos seus integrantes. A ese oficio hai que sumarlle a oportunidade dun repertorio moi ben escollido e achegado ao público por introducir elementos folclóricos que, aínda que complexos nas súas entrañas, resultan familiares e fácilmente asimilables para o ouvido. O aire latino de Andando, a intrincada rítmica dese belo “blues africano” asinado por Colina ou o bolero de Consuelo Velázquez reconvertido en balada arrastrada ao estilo Angel Eyes, conforman unha sucesión de estilos moi de agradecer. Porén, bótase en falta a sorpresa á hora de abordar ese repertorio e de formular sobre o escenario o espectáculo, limitado á fórmula de exposición-sós-peche e algo coxo noutro tipo de xogos. Unha maior ruptura por parte de Sambeat e de Miralta contribuiría a afastar a sombra do previsible e a abrir algunhas portas que enriquecerían unha música fermosa e popular. Sóbralles calidade para poder facelo.
Zappa non veu a Vigo a tocar o saxo, como rezaba o titular dun xornalista despistado…pero o seu espírito si estivo moi presente na lectura de Low Budget Research Kitchen e o mestre da cerimonia Napoleon Murphy Brock. Sen dúbida foi un concerto non só para os seguidores de Zappa, senón tamén para todos os paladares afíns ao rock progresivo, a obrigados retorcidos, a temas encadeados en formato sinfónico e a melodías con estruturas complexas e truncadas que, porén, conseguen o milagre de resultar pegadizas. O traballo da banda portuguesa é notable á hora de recrear ao xenio desaparecido —incluíndo os seus sós de guitarra— e de manter o seu legado con frescura. Nesa empresa resultou inestimable a colaboración de Napoleón Murphy Brock como showman. A frase coa que se referiu a George Bush podería aplicarse, e pido perdón pola ironía, ao músico homenaxeado: “Foise pero non o esquecemos”.