17 / 25 xuño 2011


Por Quinito L. Mourelle

A reunión dunha dupla sui géneris por estes lares como a que forman o pianista Jacobo de Miguel e o vibrafonista Ton Risco, debería entenderse como un síntoma do bo estado de saúde do que pode presumir na actualidade o jazz feito en Galicia.

Novas

27.06.09 Saúde atlántica e flashback ao rock sinfónico


Por Quinito L. Mourelle

A reunión dunha dupla sui géneris por estes lares como a que forman o pianista Jacobo de Miguel e o vibrafonista Ton Risco, debería entenderse como un síntoma do bo estado de saúde do que pode presumir na actualidade o jazz feito en Galicia. Na proliferación galaica de músicos, escenarios e gravacións que observamos ao longo do último lustro, a ousada coxjunción de dous instrumentos harmónicos destaca como proposta que resgata de forma espida algúns elementos do jazz que son en realidade os seus valores intrínsecos: o espírito lúdico, o compañeirismo e a maleabilidade. Defendendo un repertorio orixinal con tintes de blues e con algunha débeda ou homenaxe ao traballo de Gary Burton con Corea e Makoto Ozone, o dúo acadou xa unha brillante madurez interpretativa e unha abraiante habilidade para intercambiar roles sobre o escenario. A cristalización desa progresión pode ser a excelente versión do estándard Polkadots and Moonbeans, non incluída no seu primeiro traballo discográfico editado por Free Code pero seguramente avance dunha segunda entrega. Na lembranza quedará tamén a tenrura que contaxia unha composición tan fermosa como Mel.

O testigo foi recollido pola banda de Rita Marcotulli na súa particular homenaxe a Pink Floyd. O proxecto da pianista romana mantén un notable grao de fidelidade ao rock e ás miras daqueles grupos que a principios dos setenta revitalizaron o xénero cunha concepción sinfónica ou con orientacións jazzísticas ou abertamente experimentais. (Desafortunadamente acaba de deixarnos hai poucos días un dos mellores embaixadores daquela efervescencia, o baixista Hugh Hopper.) Cunha estrutura de grandes bloques na que os temas se enlazaban con diferentes recursos, cobraron protagonismo a guitarra de Nguyên Lê e as percusións de Michele Rabbia, quen utilizou tamén o seu laptop como cofre do tesouro de sons e ambientes. O guitarrista vietnamita deixou patente nun dúo co cantante “Raiz” a súa versatilidade á hora de acompañar, pasando do clasicismo daquelas gravacións de Joe Pass para Pablo Records nas postrimerías da súa carreira a outros vós moito máis modernos e orixinais. Botouse en falta, en troques, un maior concurso do saxofonista Andy Sheppard, algo desaparecido nunha formación tan ampla.

A noite seguía ulindo a jazz cando o cuarteto de Paco Dicenta interpretaba no XancaraJazz unha emocionante versión de Maiden Voyage, o meu último recordo desta segunda xornada de Imaxina Sons.



Colabora

Organiza

casa do libro
Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
2011, ano da música de Galicia
novacaixagalicia
Concello de Vigo