6º Festival de Jazz de Vigo

Atlantic Bridge

A tres semanas do comezo do 5º Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons, ao programa de concertos do festival engádenselle agora as actividades de Imaxina na Rúa, Jazz na Noite, pasacalles o ciclo de mesas redondas e dúas clases maxistrais impartidas por dúas figuras clave no jazz e na música de vangarda: o guitarrista Fred Frith e o trombonista Nils Wogram. Redondéase dese xeito a programación do festival, promovido pola concellería de Cultura e Animación Sociocultural do Concello de Vigo, que se desenvolverá do 25 de xuño ao 5 de xullo, pero que empeza a quentar motores o sábado 6 de xuño cos entusiastas músicos da orquestra A Tempo de Pontevedra que tocarán por varias rúas e prazas da cidade ao longo do día. O mapa de Imaxina Sons esténdese xa a toda cidade.

Novas

4.06.09 Prazas, rúas e clubs completan a ruta de Imaxina Sons

Co obxectivo de cubrir todos os ángulos posibles, o festival ten apostado desde a súa primeira edición por darlle un lugar ao contacto directo entre algúns dos artistas convidados e aquelas persoas interesadas como músicos profesionais, estudantes e afeccionados. As clases maxistrais desta quinta edición veñen da man de dúas figuras do jazz e da música de vangarda: o británico Fred Frith e o alemán Nils Wogram. O guitarrista Fred Frith, que participa no festival dirixindo a Orquestra de Música Espontánea de Galicia (Omega) o domingo 28 de xuño no conservatorio e a dúo coa cantante improvisadora Lucia Recio o luns 29 de xuño no MARCO, impartirá a súa clase maxistral o día 30 de xuño no conservatorio. Unha oportunidade para compartir achádegos cun dos mestres da experimentación sonora. Tamén no conservatorio o virtuoso do trombón Nils Wogram fará o propio o día 4 de xullo. O músico alemán, nacido en 1972, é unha das novas figuras do jazz europeo e nesta edición de Imaxina Sons —participou na primeira co seu grupo Root 70— integra a formación de Lucas Niggli cun concerto o sábado 4 de xullo no teatro Salesianos. As dúas clases maxistrais están abertas a todas as persoas interesadas até completar aforo.

O programa do 5º Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons conta ademais cun espazo para presentacións e mesas redondas nas que conversar e polemizar ao redor do jazz e que terán lugar os días 29 e 30 de xuño e 1 de xullo ás oito e media da tarde. O luns 29 será a saxofonista e percusionista Chefa Alonso a que presente o seu libro Improvisación libre. La composición en movimiento. Integrante habitual da Omega, estará acompañada na mesa polo pianista e compositor Agustí Fernández, un dos nomes clave da música contemporánea española que actúa no festival ao día seguinte. O martes 30 os críticos Juan Claudio Cifuentes, director do programa Jazz porque sí (RNE) e Javier de Cambra, colaborador do programa Sonideros de Radio 3 continuarán coas súas Anécdotas jazzísticas, iniciadas no festival o pasado ano. Para pechar este ciclo, o mércores 1 de xullo e tendo como pretexto a quinta edición de Imaxina Sons, organízase unha mesa redonda na que se analizará o papel dos festivais no ámbito jazzístico.