6º Festival de Jazz de Vigo

Irene Aranda

A tres semanas do comezo do 5º Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons, ao programa de concertos do festival engádenselle agora as actividades de Imaxina na Rúa, Jazz na Noite, pasacalles o ciclo de mesas redondas e dúas clases maxistrais impartidas por dúas figuras clave no jazz e na música de vangarda: o guitarrista Fred Frith e o trombonista Nils Wogram. Redondéase dese xeito a programación do festival, promovido pola concellería de Cultura e Animación Sociocultural do Concello de Vigo, que se desenvolverá do 25 de xuño ao 5 de xullo, pero que empeza a quentar motores o sábado 6 de xuño cos entusiastas músicos da orquestra A Tempo de Pontevedra que tocarán por varias rúas e prazas da cidade ao longo do día. O mapa de Imaxina Sons esténdese xa a toda cidade.

Novas

4.06.09 Prazas, rúas e clubs completan a ruta de Imaxina Sons

O obxectivo de Imaxina na Rúa é precisamente levar a música ao espazo público da man de formacións integradas na maioría dos casos por novos artistas. “A Tempo”, dirixida por Miguel Angel Rodríguez, e integrada tamén por afeccionados con idades entre os 13 e 55 anos, actuará en diferentes recantos da cidade o 6 de xuño tocando standards de jazz e blues; o 20 de xuño, sábado, serán as e os integrantes da ensamble da Escola municipal de Coruña, dirixida por Jose A. Acuña, os que porán en práctica o traballo cotián nas aulas no estudo de música moderna e do jazz.

Na rúa haberá música dabondo durante o festival. De feito, o mesmo día de inauguración, o xoves 25 de xuño, comezan os pasacalles de Papa Swing, que se encargarán de animar rúas e prazas de Vigo até o domingo 28 en diferentes horarios. Na semana seguinte, do 2 ao 5 de xullo será a fanfarria catalana Always Drinking Marching Band a que anime a cidade co espectáculo La Calle es Nuestra, toda unha declaración de intencións para unha formación composta por dez músicos e un clown.

Co inicio do festival, o xoves 25 de xuño, comeza tamén a programación de Jazz na Noite, na que o escenario do festival son os clubs de jazz da cidade. Os locais que participan nesta rede son o Xancara Jazz, Contrabajo e Quomo que acollerán os concertos de Swing Session Quintet, Paco Dicenta Jazz Qüartet, U-lo Trío?, Dorian Gray Quartet, Organic Collective e Ángeles Dorrio Cuarteto. As formacións incluídas no capítulo máis noctámbulo do festival Imaxina Sons abranguen diferentes estilos e formatos como o jazz rock, vocal e flamenco; da reivindicación do crooner despregada polos Swing Session Quartet até a explosion funk de Organic Collective.O papel dos locais de jazz da cidade ten sido fundamental desde os inicios de Imaxina Sons , que reserva para estes espazos unha programación que durante os días do festival estende o seu horario até entrada a madrugada.