Na Praza da Constitución a partir das 23h poderase gozar o sábado 25 dunha formación de nova xeración. En moi pouco tempo a banda británica Portico Quartet acadou prestixio e fama no ámbito jazzístico. Para algúns, é unha banda de mozos de vintetantos cunhas fantásticas perspectivas; para outros é xa unha formación madura coas cartas enriba da mesa. Duncan Bellamy, na batería, Milo Fitzpatrick no contrabaixo, Keir Vine, hang e teclado, e Jack Wyllie, nos saxos tenor e soprano e na electrónica, son os citados rapaces de vintepoucos. Co seu primeiro disco chegaron ás listas comerciais da radiofórmula británica e, desde aquela, continúan en racha cunha receita que ole a jazz aínda que non foxe nin da electrónica nin dos ritmos do mundo. De feito, forman parte do catálogo de Real Word Records, compañía fundada por Womad e Peter Gabriel.
No escenario é o hang o que marca a dirección e non é estraño que utilicen tres distintos no mesmo directo. Deberíamos explicar a estas alturas que é o hang, un instrumento peculiar de percusión que caracteriza o traballo de Portico Quartet. Foi creado en Suíza a finais dos anos noventa e ten algo de gongs, tambores e campás. Ten un ton central profundo ao redor do cal pode tocar nove notas afinadas. O grupo comezou a experimentar co hang e descubriron unha ferramenta liberadora para o que querían compoñer, que podía soar ao Caribe mentres nos remite ao máis refinado minimalismo. Os membros de Portico Quartet, con aparencia de novísimos indies, pasaron por escolas de jazz, de clásica e de música popular; tamén teñen interese en estudar músicas africanas e asiáticas, algo que se transmite nos seus discos. O seu último disco editado, Isla (Real World Records, 2009), semella máis motivado pola creación de atmosferas que por achegarse ao jazz tradicional como se distinguía no primeiro traballo Knee Deep in the North Sea (Vortex, 2007). Con aquel primeiro traballo editado Portico Quartet comezou o seu lanzamento como banda que aspiraba a audiencias de peso; vinculada ao jazz, pero ocupando os espazos da música popular e do que eles mesmos denominan “J-pop”. O disco foi nominado aos Mercury Music Prize xunto a bandas como Radiohead, The Last Shadow Puppets e Elbow.
O festival remata esta sétima edición co concerto de Jazz na Noite no Xancarajazz (Isabel II, 6, 01.30h). Alí estará a canadiana Julie Guravich arroupada pola Victor Aneiros Band, cunha combinación de soul, blues e jazz