O concerto do cuarteto de Paco Charlín déixanos a curiosidade por escoitalo en propostas musicais máis abertas


Novas

6.07.08 Paco Charlín & The Ultimate Jazz Earth-Tet: incógnitas para o futuro

(por Quinito López Mourelle)
A pesar da súa xuventude, e se cadra pola súa coñecida labor docente, Paco Charlín parece entre o seu cuarteto o vello mestre duns pupilos aínda máis novos pero xa cunha gran experiencia e mesmo con gravacións ao seu nome. Sen dúbida sabe ben o que fai ao confiar cegamente nos seus acompañantes e deixarlle-lo protagonismo.
Virxilio da Silva é xa ben coñecido entre o público galego e debería selo tamén fóra da nosa comunidade. Cun rexistro talvez algo máis Metheny (na súa versión máis Montgomery) e un pouco menos bopeiro que o lle caracteriza noutros contextos, o guitarrista fixo gala unha vez máis do seu fraseo ben estruturado e cheo de ideas, se ben súmome á lista dos que teñen unha gran curiosidade por escoitalo en propostas musicais máis abertas e que poderían propulsar máis a que sen dúbida será una brillante carreira. Sería unha mágoa que a súa traxectoria discorrese sempre polos mesmos vieiros.
Outro tanto pode comentarse do pianista Xan Campos, outro músico con gran talento (e que ven de publicar no selo Free Code) e que nos regalou algúns solos fermosos, pero que limita a súa creatividade á hora de acompañar de xeito tan canónico bloques de acordes executados de forma un pouco manida. O futuro é seu e eles saberán como administralo.



Xunta de Galicia
Caixanova
Concello de Vigo