17 / 25 xuño 2011


Lisbon Underground Music Ensemble (LUME)

Novas

25.06.11 O mestre de pianistas John Taylor na última xornada de Imaxina Sons


Se unha das cuestións que define a edición de 2011 de Imaxina Sons é a presenza da música británica na súa programación, isto débese en boa parte á participación do compositor e pianista John Taylor cun concerto o sábado 25 de xuño ás 21h no Centro Cultural Novacaixagalicia. Considerado un artesán da música e convertido nun teimoso mestre do piano, esquivo e colorista a partes iguais nas súas propostas, Taylor, con máis de catro décadas de camiño andando, representa a relevancia do jazz facturado no Reino Unido. Un jazz non poucas veces devalado respecto ás correntes continentais malia contar con figuras como este xenio de música de sofisticada factura, que coa súa máis nova alianza, o trío xunto a Palle Danielsson e Martin France, acadou o equilibrio procurado durante anos.

John Taylor (Manchester, 1942) é un músico constante, desde que en 1969 uniu o seu piano aos saxofonistas Alan Skidmore e John Surman. Ao longo dos anos o seu traballo integrouse en proxectos non liderados por el, aos que aportou un estilo propio. E non lle foi mal, John Taylor é un dos contados pianistas –ocórrensenos tamén Herbie Hancock, Keith Jarrett ou Brad Mehldau- con aspiracións a acadar audiencias máis ambiciosas en número que as propias do ámbito jazzístico. Nos anos setenta formou trío con Norma Winstone e Kenny Wheeler baixo o nome Azimuth; editaban con ECM e triunfaron en todo o mundo; nos oitenta acompañou a líderes como Jan Garbarek, Enrico Rava, Lee Konitz e compuña para unha orquestra radiofónica. Desde principios dos anos noventa John Taylor pasa a maior parte do tempo fóra do Reino Unido noutra faceta fundamental para el: a de profesor de jazz en diferentes institucións de educación superior.

Entrou no século vinteún con inmellorable pé xa que en 2002 recibía o premio de jazz da BBC ao mellor novo traballo por unha peza “The Green Man Suite” composta para o tour co que Taylor celebraba o seu sesenta aniversario. Gravou ademais un disco a dúo con Kenny Wheeler Where do we go from here? (CAM, 2005), e outro co contrabaixista Charlie Haden, Nigthfall (Naim, 2005) que se presentaron no festival de Montreal. Co contrabaixista sueco Palle Danielsson e o batería Martin France marca un punto de inflexión xa que para boa parte do mundiño jazzístico británico a considera a súa mellor formación, coa que as cualidades artesanais e as posibilidades cromáticas de Taylor saen realmente á luz.



Colabora

Organiza

casa do libro
Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
2011, ano da música de Galicia
novacaixagalicia
Concello de Vigo