(por Quinito López Mourelle)
Michel Portal domina o escenario e a dirección que quere que tome a súa música como se fose un rapaz organizando un xogo no patio dun colexio. O seu repertorio sorprendeu pola súa sinxeleza harmónica e polo zume que os membros da formación tiraron desas progresións de catro acordes ou daqueles temas xa puramente modais.
O territorio era pois moi cómodo para o pianista Bojan Z, quen no segundo tema da velada destacou cun impresionante solo atacado de forma moi rítmica e cun desenvolvemento vertixinoso da man dereita que lembraron ao mellor Tyner.
A sorpresa foi se cadra a habilidade e o gusto de Portal co bandoneón, un instrumento que non constaba nos créditos do festival pero que tivo bastante protagonismo no derradeiro treito do concerto, no que tamén houbo folclore, canción popular e sentido do humor. De agradece-la súa xovialidade mental.