O saxofonista Javier Vercher ofreceu un concerto de tempero sosegado e cálida espiritualidade, expresada en baladas e tempos medios
(por Quinito López Mourelle)
O saxofonista Javier Vercher ofreceu o último concerto do Auditorio Municipal cun tempero sosegado e unha cálida espiritualidade expresada en baladas e tempos medios.
Na súa lectura deixou entrever certo eco das melodías profundas do Crescent de Coltrane aínda que levadas a un terreo máis optimista. O seu fraseo é certamente fermoso, melódico e ben trazado en el apenas caben os exabruptos que caracterizan a outros saxofonistas de corte máis aberto.
Malia a profundidade e a intención dalgúns dos seus solos, o valenciano non deixou de tocar cunha suavidade e dozura especiais e mesmo permitiuse emular na última balada o son arrastrado e preguiceiro de Ben Webster. O tema do guitarrista Lionel Loueke que serviu de despedida contaxiou a un público que saíu cantarruxando o bucle rítmico dos seus primeiros compases.