Café La Galería
Dentro das actividades paralelas do Festival Internacional de Jazz de Vigo, Imaxina Sons ’08, o vindeiro 26 de xuño inaugúrase a exposición “Janite en Carral 3” do fotógrafo Janite, no café La Galería en Ronda Don Bosco 21.
Este creador novo é autor de numerosas fotografías nas que a música é o pano de fondo. Nesta ocasión recolle en 25 instantáneas, os mellores momentos da música nun local simbólico para o jazz na cidade de Vigo, o Manteca Jazz.
Partindo dun mesmo escenario espacial e temporal, a sala Manteca nas diversas edicións do Imaxina Sons, Janite presenta os seus xogos de luces e sombras, retratos de atmosfera e efectos visuais coma unha homenaxe a un dos lugares máis emblemáticos do jazz en Vigo.
En definitiva, unha exposición que rende tributo a dous xéneros artísticos que se dan a man.