6º Festival de Jazz de Vigo


Por Quinito L. Mourelle

O auditorio do Marco acolleu a presentación do libro de Chefa Alonso: Improvisación Libre. La composición en Movimiento (Editorial Dos Acordes), pioneiro sobre a materia en España e oportuno, tanto para público como para músicos e crítica, por abordar temas ignorados nos conservatorios e na maioría das escolas de música.

Novas

30.06.09 Improvisación libre

Por Quinito L. Mourelle

O auditorio do Marco acolleu a presentación do libro de Chefa Alonso: Improvisación Libre. La composición en Movimiento (Editorial Dos Acordes), pioneiro sobre a materia en España e oportuno, tanto para público como para músicos e crítica, por abordar temas ignorados nos conservatorios e na maioría das escolas de música. Como preámbulo proxectouse a curtametraxe Shores, que se adxunta coa publicación e está asinada pola realizadora Barbara Meyer. Nel recóllense as inquedanzas de Chefa Alonso e da acordeonista Ute Völker, coa que compartiu escenario en diferentes países. Ademais da autora participou na mesa o pianista Agustí Fernández, que protagonizará hoxe un concerto a piano só no mesmo escenario utilizando técnicas pouco convencionais e que se coñecen como “piano preparado”. No diálogo co público comentouse o concerto de O.M.E.G.A baixo a dirección de Fred Frith como exemplo de improvisación conducida, unha das diferentes modalidades de improvisación descritas no libro. Na sú lectura atoparemos tamén entrevistas con improvisadores actuais de primeira orde e unha análise do papel da improvisación e a súa marxinación na Historia.

O propio Fred Frith, acompañado pola cantante Lucia Recio, ofreceu a continuación unha mostra do desafío que supón a improvisación sen coordenadas previas. O guitarrista desprega en directo unha sorprendente batería de recursos acumulados durante anos de experiencia na procura dun son entre liñas. Tanto nas súas formulacións do “ruído” como naquelas paisaxes sonoras nas que si emerxen notas —aínda que as veces difícilmente discernibles—, o británico emprégase a fondo na fuxida da obviedade. A súa proposta é dura nalgúns momentos pero tamén desemboca en remansos de acougo, especialmente nalgúns loops de sorprendente dozura. Como resposta a un discurso eléctrico e distorsionado pola utilización de diversos obxectos, o concurso de Lucia Recio é, polo contrario, espido e orgánico. A súa voz adáptase aos sucesivos tecidos de Frith desatando unha forza interior moi expresiva e liberadora de enerxía. A súa improvisación fuxe en principio da palabra, pero esta emerxe nalgún momento en irónicas conversacións (consigo mesma, cun alter ego ou con calquera interlocutor) ou en retallos de frases obsesivas que envolven o seu traballo cun verniz teatral.