Foron nove días intensos nos que vimos como a participación da xente superaba as mellores expectativas. A sétima edición de Imaxina Sons, que rematou o pasado sábado 25 de xuño cun espectacular concerto de Portico Quartet na emblemática Praza da Constitución, convocou a un numeroso público que cada ano fai que o festival medre e colla novos folgos. Grazas, de verdade. Imaxina Sons é unha aposta cultural do Concello de Vigo cuxo éxito non queremos medir en cifras de asistencia pero permitídenos que destaquemos que máis de cinco mil persoas acudiron aos concertos de pago e gratuítos. Tamén sabemos que centos de persoas gozaron na rúa coas escolas e os pasacalles.
Foron nove días nos que tamén chegaron aos nosos ouvidos comentarios e percepcións. Ademais das do público, escoitamos o que a prensa especializada de toda a península presente no festival dixo de Imaxina Sons. E sabendo que podemos mellorar nunha chea de cousas, o certo é que esa prensa crítica, moi pendente do festival nun ano no que Nani García tomaba a responsabilidade artística tras seis edicións fundamentais dirixidas por Baldo Martínez, acariñounos os ouvidos. Fuxindo da autocompracencia, o certo é que a crítica destacou o programa diverso e ao mesmo tempo compacto, a vontade de satisfacer a diferentes audiencias interesadas no jazz sen recorrer a propostas fóra de lugar e a liña continua no festival de apoio ao jazz máis próximo.
Foron nove días marabillosos grazas aos artistas que pasaron por Vigo e por Imaxina Sons. Así que grazas Xan Campos e Pablo Seoane, Eva Veiga e Xes Chapela! Grazas ás escolas e aos grupos de Jazz na Noite! Obrigados, LUME. Desbundixie e Cellos! Gràcies Lluís Vidal e a Piccola Orchestra Gagarin! Thanks, Neil Cowley, John Taylor e Portico Quartet! Takk, NPM e Sidsel Endresen!
Foron nove días de traballo arreo. Sarna con gusto non pica, iso si. Grazas a todo o equipo que levanta este festival promovido polo Concello de Vigo cada ano. Quedamos todos na próxima edición!