6º Festival de Jazz de Vigo

Por Quinito L. Mourelle

A proposta do saxofonista Josetxo Goia-Aribe e a súa Orquesta Jamalandruki resgata fórmulas populares, de rúa e fanfarria, para expoñelas nun contexto jazzístico e supostamente irónico. O material de punto de partida é infrecuente en concertos de escenario, nos que difícilmente chegan ritmos binarios e melodías das nosas festas tradicionais.

Novas

29.06.09 Festas, tradicións e Shorter

Por Quinito L. Mourelle

A proposta do saxofonista Josetxo Goia-Aribe e a súa Orquesta Jamalandruki resgata fórmulas populares, de rúa e fanfarria, para expoñelas nun contexto jazzístico e supostamente irónico. O material de punto de partida é infrecuente en concertos de escenario, nos que difícilmente chegan ritmos binarios e melodías das nosas festas tradicionais. A polifonía de voces e os arranxos falan dun bo traballo ao que, porén, fáltalle máis ironía, máis Mingus e unha ruptura que desfaga unha liña demasiado respectuosa cos xéneros que se revisitan. Por dicilo noutras palabras: na viaxe da rúa ao auditorio perdeuse algo desa esencia da rúa e algo do espírito da sorpresa -ou a maxia que representa Jamalandruki—. Un “refreeclaxe” —e permítaseme a expresión acuñada para a ocasión— tiveralle sentado de marabilla a unha boa intención, uns bos músicos e un repertorio distinto no que, por certo, tamén se chiscou un ollo a Monk.

Tamén a tradición inspira a música do tunecino Anouar Brahem, aínda que a súa dirección e abordaxe son moi diferentes. Os tres piares do seu trío traballan na mesma intención de converter o folclore en música de cámara intimista, ancorada nos modos menores e nas harmonías e escalas que lle son propias á súa tradición. Nesa contención, na que se reservan espazos para a improvisación pero tamén se suceden numerosos obrigados, Jean Louis Matinier sorprendeu cunha esperada primeira intervención en solitario. Sen desvirtuar a rítmica nin o clima da composición, o acordeonista permitiuse unha apertura harmónica e estilística que refrescou o ambiente da cámara coa entrada de brisas máis jazzísticas. Foi sen dúbida un deses sós que quedan para a memoria dun festival.

O último da noite, non obstante, volveu a protagonizalo o cuarteto de Paco Dicenta, renovado por esixencias do guión, cunha vibrante interpretación de Footprints na que se bregaron a fondo e con moi bo criterio todos os membros e especialmente os recén incorporados Iago Vázquez e Pablo Castaño.