A quinta edición de Imaxina Sons clausurouse cun programa dobre protagonizado por amplas formacións. Aínda que a única homenaxe explícita do repertorio defendido polo septeto/octeto de Abe Rábade fose o adicado ao quinteto de Miles Davis, o certo é que tamén se percibiron os efluvios doutras esencias dispares.
Por Quinito L. Mourelle
A quinta edición de Imaxina Sons clausurouse cun programa dobre protagonizado por amplas formacións. Aínda que a única homenaxe explícita do repertorio defendido polo septeto/octeto de Abe Rábade fose o adicado ao quinteto de Miles Davis, o certo é que tamén se percibiron os efluvios doutras esencias dispares. Por un lado, no tocante ao propio Rábade, o seu estilo e ataque, o tributo foi para McCoy Tyner: o discurso do compostelán aseméllase en non poucas pasaxes polas súas potentes descargas da man esquerda, o sentido rítmico e a habilidade dunha man dereita portentosa, aínda que tamén Jarrett asoma en fragmentos a piano só como o da introdución que presidiu o concerto. A sombra de Pat Metheny aflorou no terreo da composición no primeiro tema no que se subiu ao escenario o guitarrista Virxilio da Silva —convidado sorpresa—, pero tamén nalgúns treitos de Iria. Kenny Wheeler (e especialmente o do seu disco Deer Wan) apareceu nunha longa introdución cunha marcada melancolía no penúltimo tema antes do bis, quizáis o máis logrado no tocante á escritura do escoitado (a maior parte aínda sen gravar). Retrocedendo no tempo, o dúo de saxos interpretado nas postrimerías do concerto chiscou tamén o ollo de maneira acertada á irrepetible dupla de Marsh e Konitz. O pero non é outro que o de, despois de ter constatado todas esas referencias ao pasado, botar en falta fiestras que ollen cara o futuro ou, polo menos, ao presente.
A Vienna Art Orchestra presentou o seu aínda inédito Third Dream, unha aposta persoal por resgatar a fórmula do third stream. A inclusión dun cuarteto de corda contribuiu a decantar a balanza cara o terreo da clásica, non só pola sonoridade que aportou senón tamén por algunhas intervencións en solitario nas que a lenguaxe do bop deixouse a un lado para abrazar o das cadencias dos concertos. O traballo da composición e os arranxos é sobresaínte e tamén o son os intérpretes. Porén, a proposta adoece de certa homoxeneidade na cor (ocre, ulindo a modos menores) e peca, en troques, pola ausencia de sorpresas que rompan a dinámica. Por iso foi todo un refresco a propina e a súa ledicia de ragtime.