Por Quinito L. Mourelle
Franz Koglmann é un dos músicos que con maior acerto e creatividade procuran profundar nas posibilidades do third stream. Nalgúns dos seus proxectos quixo instalarse na beira máis próxima á música clásica, facendo prevalecer a herdanza da cultura europea, a súa principal fonte de inspiración. Noutras ocasións, as súas incursións na música contemporánea, o free, ou a parodia de estilos, afastáronlle dunha estética académica e mostráronnos a un creador máis aberto e imprevisible. No concerto do pasado sábado puidemos ver facetas de ambas as vertentes, aínda que o repertorio axustouse máis á primeira.
Por Quinito L. Mourelle
Franz Koglmann é un dos músicos que con maior acerto e creatividade procuran profundar nas posibilidades do third stream. Nalgúns dos seus proxectos quixo instalarse na beira máis próxima á música clásica, facendo prevalecer a herdanza da cultura europea, a súa principal fonte de inspiración. Noutras ocasións, as súas incursións na música contemporánea, o free, ou a parodia de estilos, afastáronlle dunha estética académica e mostráronnos a un creador máis aberto e imprevisible. No concerto do pasado sábado puidemos ver facetas de ambas as vertentes, aínda que o repertorio axustouse máis á primeira. Leopard lady, o tema que abre L´Heure Bleue, unha das súas gravacións máis inspiradas, foi o aperitivo dun repertorio que se centrou, con todo, na súa última creación: Lo-lee-ta. Music on Nabokov. Sen dúbida non é unha das obras máis arriscadas do trompetista austriaco, pero nela mantéñense as claves da súa obra e especialmente a composta para o seu Monoblue Quartet. Neste destaca o papel reservado como improvisador a Tony Coe, vello compañeiro de fatigas e responsable dun envoltorio que coquetea con páxinas pasadas da historia do jazz. As súas notas longas co saxo alto, nas que timidamente se anunciaba un doce vibrato, parecían invocar a Johnny Hodges, mentres as súas evolucións co clarinete retrotraeron ao público aínda máis atrás, especialmente naquelas pasaxes con swing. Xa na propina, esa viaxe foi exposta con moito mais descaro. Cos ollos pechados o asunto soaba á música de Django Reinhardt e os seus colegas. Tanto Coe como o resto do cuarteto, e especialmente o líder, coidan en extremo o volume e o son. Á hora de improvisar miden o alcance da súa profusión —Coe é máis facundo que Koglmann pero ese contrapunto de estilos encaixa perfectamente— para manter un balance entre a música escrita no papel pautado e a xerada en tempo real sobre o escenario. Para padais refinados.
A pianista Irene Aranda demostrou na introdución en solitario coa que abriu o seu concerto que a súa querenza pola música española pasa polo filtro dos impresionistas franceses. Na improvisación decántase polos aspectos rítmicos e por episodios pseudo modais nos que medrar e despacharse a gusto sen poñer en perigo a comprensión dos espectadores. A lírica adoita reservala para momentos de acompañamento ou naqueles a piano só. Os sós de Juan Ull (saxo tenor) e Paul Evans (trompeta) puxeron o punto bopeiro da velada. Foi unha mágoa que o contrabaixista Matthew Baker non tivese un pouco máis de protagonismo. Seguramente escondía algúns tesouros. A última composición interpretada, La Ruta de la Seda, pode ser un exemplo da apertura na creatividade de Irene Aranda cara a influencias afastadas da península e do corpus do seu repertorio actual. A pesar da súa mocidade, as súas composicións apuntan orixinalidade e madurez. O seu estilo como intérprete non busca o virtuosismo ou a repetición das fórmulas que funcionan senón a profundización na súa propia linguaxe, non exento, como é lóxico, de puntuais influencias. (Tyner? Corea? Evans?…).
A noite tiña que acabar ao grande no Xancarajazz. O guitarrista Gastón Rodríguez abriu fogo cunha alegre versión de Malena nun concerto no que, con todo, non foi o tango o protagonista. Podería selo xa que Gastón móvese con moita comodidade nesas augas. Un tras outro foi fiando temas orixinais con diversos acentos, desde o bop até o rock (Led Zeppelín) pasando polo funk, pero sempre con moito jazz e coa premisa dunha forte descarga enerxética. Os seus compañeiros vestían tamén o traxe de faena e a intensidade non decaeu.