Por Quinito L. Mourelle
Poucas veces un ten a fortuna de asistir a un concerto verdadeiramente redondo, do que non só se sae coa satisfacción de ter escoitado unha música magnífica e maxistralmente interpretada, senón tamén coa refrescante sensación de ter transitado por territorios descoñecidos.
Por Quinito L. Mourelle
Poucas veces un ten a fortuna de asistir a un concerto verdadeiramente redondo, do que non só se sae coa satisfacción de ter escoitado unha música magnífica e maxistralmente interpretada, senón tamén coa refrescante sensación de ter transitado por territorios descoñecidos. Levados docilmente pola proposta de Andreas Willers, a inmersión nesa xeografía resultou de todo pracenteira. Como guitarrista, o seu estilo emerxe por sorpresa mutado en mil cores camaleónicos: miniaturista, paisaxista, clásico, gótico, roqueiro, free… Sirva como botón da súa capacidade de inventiva a súa maneira de utilizar os loops para desintegralos caprichosamente: en troques de procurar un clima de capas superpostas para improvisar por riba, o alemán persegue a ironía unha incomodidade insostible ao cruzar liñas rítmicamente antagónicas. Outro forte da súa proposta é un intelixente reparto de roles polo que se suceden con naturalidade sós, dúos ou tríos sen recorrer ás fórmulas manidas do jazz clásico. Os obrigados están moi traballados e o equilibrio entre estes, as partes máis formalmente pactadas e o free é sinxelamente delicioso. O cuarteto sentou cátedra manténdose á altura da proposta.
Xa na Praza do Rei, Pepe Evangelista presentóu Teima cunha lectura máis aberta que a rexistrada na súa gravación. As súas composicións gañaron enteiros cunha formulación que pode recoñecerse fácilmente en temas como El Marquesito e que probablemente apunten unha nova dirección na traxectoria do guitarrista. Os seus acompañantes tamén semellan sentirse máis cómodos nesa liña de interpretación.
O concerto da orquestra de Santiago de la Muela discurriu por horizontes máis clásicos e, en xeral, inscritos na concepción ao uso da big band, as súas posibilidades e os seus repertorios habituais. As excepcións foron un tema de inspiración brasileira, o seu emotivo Fin del Trayecto —no que se aventura por harmonías máis escuras e inquedantes— e o espazo reservado ao só de Marcelo Peralta, que destacou na noite polo seu mordente. Coa máquina a pleno rendemento, os arranxos e a dirección brillan con maior intensidade e a orquestra xustifica a súa ollada nostálxica.