6º Festival de Jazz de Vigo


Por Quinito L. Mourelle

Pagou a pena madrugar para asistir á clase maxistral impartida por Nils Wogram quen, nun contexto académico informal, ensinounos, entre outras cousas, a súa técnica para producir acordes co trombón, a súa querencia polos ritmos complexos ou a sutil utilización dos cuartos de ton

Novas

5.07.09 Clases maxistrais, mocedade envexable e viaxe ao sur

Por Quinito L. Mourelle

Pagou a pena madrugar para asistir á clase maxistral impartida por Nils Wogram quen, nun contexto académico informal, ensinounos, entre outras cousas, a súa técnica para producir acordes co trombón, a súa querencia polos ritmos complexos ou a sutil utilización dos cuartos de ton. Máis tarde subiría ao escenario como membro do Big Zoom de Lucas Niggli para facer gala dun modo de interpretar moi diferente e adaptado á libertade expositiva formulada polo percusionista camerunés. Tres movementos de longa duración conformaron a estrutura dun repertorio moi aberto no que, como contrapunto estilístico, interpretáronse algúns obrigados complexos e medidos e —especialmente no primeiro movemento— con certo regusto a rock sinfónico. Quizáis o elemento máis determinante da súa proposta foi o concurso do contrabaixista Barry Guy, os seus constantes cambios de dinámica e o seu free elegante e lírico aínda nas pasaxes de maior crueza.
Xa na Praza do Rei, a última formación do batería Carlos López abriu o abano de estilos atraíndo a un público heteroxéneo. Chiscadelas de ollo a Miles Davis (sobre todo aos seus últimos capítulos), funk, drum and bass, unha versión de Pink Floyd, algo de hip hop…todo aderezado con imaxes editadas en directo e encabezado por un front line con forza e mocedade da boa. O peso dos sós recaiu nesta ocasión no inspirado pianista Oscar da Graça.
A música viaxou moito máis ao sur baixo o timón de Omar Sosa. A súa baza foi a de conxugar a rítmica latina coa africana nun repertorio de corte étnico pero cunha óptica persoal. O mellor da súa aportación, porén, puido escoitarse nas transicións e nos momentos de calma. Nese contexto, máis amable para incursións harmónicas e texturas diferentes, intuíronse direccións suxerentes que non apareceron nos momentos nos que as esixencias rítmicas abafaron o discurso cunha insistencia un tanto reiterativa.