17 / 25 xuño 2011


Lisbon Underground Music Ensemble (LUME)

Comeza xa o 5º Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons o xoves 25 de xuño e faino cun concerto en exclusiva do saxofonista norteamericano Charles Lloyd (Memphis, EUA, 1938) no Teatro-sala de concertos Centro Cultural Caixanova ás 22h.
Para consultar horarios e lugares preme aquí

Novas

24.06.09 Charles Lloyd abre o 5º Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons


Comeza xa o 5º Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons o xoves 25 de xuño e faino cun concerto en exclusiva do saxofonista norteamericano Charles Lloyd (Memphis, EUA, 1938) no Teatro-sala de concertos Centro Cultural Caixanova ás 22h. O músico chega ao Imaxina Sons, festival promovido pola concellería de Cultura e Animación Sociocultural, cun concerto baseado no seu último traballo discográfico Rabo de Nube (ECM Records, 2008). Pasa por ser o primeiro músico de jazz en vender un millón de discos co album Florest Flower, gravado en directo no festival de Monterrei en 1966. Tamén por ser o primeiro jazzman estadounidense que fai unha xira pola Unión Soviética con parada en Moscú un ano despois. Para a crítica estadounidense, a reaparición de Lloyd liderando un cuarteto con este novo traballo pon de manifesto dúas cousas: que con setenta anos o músico non perdeu o seu gusto pola experimentación e que esta formación é unha das mellores que ten liderado o saxofonista na súa longa carreira.

Un inicio de luxo para un festival, o Imaxina Sons, centrado no jazz europeo e que chega a súa quinta edición mantendo os seus obxectivos: atender as demandas das e dos afeccionados, servir como escaparate do jazz máis próximo e vangardista, acadar a implicación da cidadanía e captar a atención da crítica especializada. En 2009 Imaxina Sons propón un programa no que está representada sobradamente a xeración de músicos que fixeron do jazz europeo o espello no que o jazz mundial tivo que ollarse durante os últimos trinta anos. A destacar tamén o papel do jazz galego no programa de Imaxina Sons no que, sen complexos, volta a ter un papel protagonista nesta edición. Nomes xa con longo percorrido comparten cartel coa nova fornada jazzística do país.

Pero como toda regra contempla algunha excepción, o festival Imaxina Sons inclúe habitualmente no programa a algúns dos grandes nomes do jazz norteamericano. E nesta quinta edición o mestre do outro lado do Atlántico é Charles Lloyd, arroupado por unha formación que reborda calidade e que integran Jason Moran no piano, Reuben Rogers no contrabaixo e Eric Harland na batería. Xuntos dará unha actuación exclusiva en toda a península. Lloyd deixou aos dezaoito anos Memphis polos Ánxeles, onde durante o día estudaba música clásica e pola noite acompañaba nos clubs a músicos como Ornette Coleman ou Don Cherry. Ao longo dos anos sesenta dirixiu o grupo de Chico Hamilton, mergullouse na escena neoiorquina colleitando a amizade doutros mestres como John Coltrane, Thelonius Monk ou Miles Davis e integrouse no Cannonball Adderley Sextet durante un ano antes de formar o seu propio cuarteto. Nos últimos vinte anos, e ligado á compañía ECM, gravou trece discos e continúa xirando por todo o mundo. Rabo de Nube, o seu último disco, inspirouse na canción do mesmo título do músico cubano Silvio Rodríguez.



Colabora

Organiza

casa do libro
Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
2011, ano da música de Galicia
novacaixagalicia
Concello de Vigo