6º Festival de Jazz de Vigo

Roberto_Somoza

Atomic / School Days abren novos canles para o free jazz co seu repertorio orixinal e executado de modo enérxico

Novas

8.07.08 Atomic / School Days, con Ken Vandermark: entre a partitura e o free jazz

(por Quinito López Mourelle)
A proposta de Atomic con School Days foi a guinda perfecta para despedi-la cuarta edición do festival Imaxina Sons. Co luxo de contar tamén con Ken Vandermark ao saxo barítono e clarinete baixo, a formación ofreceu un repertorio formado por orixinais dos membros de Atomic máis un tema do trombonista Jeb Bishop quen, por outra banda, tivo unha actuación destacada.
O material dispúxose para ser executado en formato big band, respectando a linguaxe clásica dese tipo de formacións á hora de organiza-los arranxos por seccións. A combinación de material escrito e de free jazz foi deliciosa, tanto nos momentos máis enérxicos e abertos como na especie de fanfarrias entre africanas e espirituais que lembraron á música de Albert Ayler.
Os músicos que subiron ao escenario do Centro Cultural Caixanova coñecen ben, sen dúbida, a historia do free jazz e saben transmitila por novas canles.
A composición do contrabaixista Ingrebrigt Haker Flaten que pechou o espectáculo foi unha marabilla e un perfecto compendio de todo o concerto, da mestría ofrecida por tódolos solistas e da orixinalidade das composicións.