6º Festival de Jazz de Vigo

Por Quinito L. Mourelle

Juan Claudio Cifuentes e Javier de Cambra volveron ao Imaxina Sons para continuar coa conversa iniciada o pasado ano e incompleta por falta de tempo. O certo é, debido á facilidade oratoria de Cifuentes e á inxente cantidade de anécdotas e lembranzas que atesoura na súa memoria (para cando ese libro de memorias?), a escasa hora desta segunda entrega volveu revelarse insuficiente.

Novas

2.07.09 A poética da extenuación

Por Quinito L. Mourelle

Juan Claudio Cifuentes e Javier de Cambra volveron ao Imaxina Sons para continuar coa conversa iniciada o pasado ano e incompleta por falta de tempo. O certo é, debido á facilidade oratoria de Cifuentes e á inxente cantidade de anécdotas e lembranzas que atesoura na súa memoria (para cando ese libro de memorias?), a escasa hora desta segunda entrega volveu revelarse insuficiente. O punto de partida foron os anos setenta e a primeira viaxe a Nova York de Cifuentes para asistir ao festival de Newport, no que se citaron, entre outros, Armstrong, Gillespie ou Mahalia Jackson. Tamén xurdiron polo camiño anécdotas e reflexións sobre o papel da radio na difusión cultural, os festivais e a evolución do jazz e os seus músicos en España. Haberá unha terceira entrega? O público seguramente estaría encantado se atendemos ao afecto que profesa a ambos conferenciantes.

O concerto de Agustí Fernández tivo dúas partes ben diferenciadas malia presentarse nun só bloque ininterrumpido. Na primeira, o catalán explorou as entrañas do piano centrándose na manipulación das cordas grazas a diversos obxectos cuxa forma, densidade e material de construción inflúe notablemente na sonoridade resultante. Dun punto de partida silencioso e con moito espazo chegouse a momentos de grande intensidade e incluso de saturación tímbrica. Unha vez sentado, o pianista levantou un bosque colosal no que a dixitación e os exabruptos encamiñáronse a afondar na rítmica. Algo da enerxía de Cecil Taylor, pero tamén da parte máis dionisíaca do postromanticismo de Alexander Scriabin —herdado tamén polo seu compatriota Simon Nabatov, outro pianista na órbita de Agustí— filtráronse nunha magnífica e entregada interpretación. Como colofón, o improvisador agasallounos cun ataque furioso de ambas mans nos agudos para ir baixando progresivamente, pero con extrema lentitude e sen baixar a intensidade, ata os graves. O esforzo empregado foi tal que os asistentes ao concerto puidemos comprobar cómo a respiración do pianista facíase cada vez máis difícil a medida que o desgaste físico ía mermando a súa resistencia. Ao chegar aos graves, onde a peza concluíu cun emocionante fundido, acadara unha sorte de éxtase provocado pola extenuación. Unha beleza.