29 junio, 2010 A eterna pregunta, poética suíza e o lado escuro
Por Quinito L. Mourelle
Co suxestivo título “Reservado ou dereito de admisión. Falando de jazz tras o caso Sigüenza” inauguráronse as mesas redondas no Marco. A idea non era retomar o caso en si —cando menos pintoresco— senón debater ao redor da eterna pregunta (Que é jazz e que non o é?) e tentar chegar máis aló do frustrante punto de partida. O público interveu para expresar as súas opinións, entre as que me gustaría rescatar algunha. Por exemplo, que o jazz non ten por que estar xustificándose eternamente. De feito o resto de xéneros musicais non o fai.
Por Quinito L. Mourelle
Co suxestivo título “Reservado ou dereito de admisión. Falando de jazz tras o caso Sigüenza” inauguráronse as mesas redondas no Marco. A idea non era retomar o caso en si —cando menos pintoresco— senón debater ao redor da eterna pregunta (Que é jazz e que non o é?) e tentar chegar máis aló do frustrante punto de partida. O público interveu para expresar as súas opinións, entre as que me gustaría rescatar algunha. Por exemplo, que o jazz non ten por que estar xustificándose eternamente. De feito o resto de xéneros musicais non o fai. Doutra banda, nas programacións de jazz dalgúns festivais inclúense propostas que claramente pertencen a outros estilos, pero o jazz, en cambio, non se “coa” nos festivais de rock ou de pop. Moderados por Teresa Cuíñas, Chema García Martínez e Baldo Martínez expuxeron —como crítico o primeiro e como músico e programador o segundo— a súa preocupación polo dano e a confusión que a obsesión polas etiquetas pode causar no público de jazz, moitas veces desinformado das diferentes tendencias que caben nese saco sen fondo. E como isto é un foro aberto… aí vai a miña opinión. Ao longo da súa historia, o jazz foi incorporando elementos (harmónicos, rítmicos, melódicos…) doutros estilos e doutras formas de entender a música. As formas que hoxe consideramos canónicas foron no seu día criticadas e mesmo desprezadas. No seu momento Louis Armstrong non tivo palabras amables para o be bop. Benny Goodman foi aínda máis directo nos seus ataques. Hoxe día ninguén discute que o bop sexa jazz, como ninguén debería discutir (Wynton Marsalis si o pon en dúbida) que o último Coltrane non sexa jazz senón outra cousa. O último Coltrane parécese moito a algunhas propostas actuais que día tras día cuestiónanse porque non levan a firma dunha lenda. É unha cuestión de estreiteza de miras, pouca visión de futuro e aínda menor sensibilidade cara ao presente. De calquera xeito é unha cuestión que só obsesiona a un sector moi determinado e estatisticamente minoritario aínda que, por suposto, respectable.
No seu concerto en solitario, o percusionista Pierre Favre expuxo un espectáculo no que as baquetas tiveron un papel determinante. A súa proposta non foi colorista senón máis ben monocromática, mostrando ao público os segredos do instrumento por seccións, sen apenas conxugar nun todo os elementos á súa disposición. A utilización dos diferentes tipos de baquetas axudoulle a atopar sonoridades moi diferentes sen ter que utilizar un gran despregamento de dispositivos. En realidade foron moi pouco pero soubo sacarlles un gran partido e arborar un concerto creativo. (A súa utilización do bombo pode ser un bo exemplo).
O saxofonista José Rodríguez e o seu Wild Trío interpretan temas orixinais. Pouco antes do concerto comentábanme que a súa influencia pode atoparse na música de Mark Turner ou de Joshua Redman. As súas composicións cabalgan entre o intimista e o escuro, sen renunciar a puntos climáticos de intensidade. Tematicamente hai unha solución de continuidade entre os temas, que ben poderían entenderse como unha suite. A rítmica ás veces abandona a vaguidade estética da súa música para lanzar grooves sinxelos e facilmente recoñecibles para o público. O fraseo do líder, pola contra, tenta fuxir da obviedade e tecer un camiño persoal, ás veces con liñas sinuosas e ás veces con ideas obsesivas. Escoitouse boa música no Contrabajo…























