Satisfacer e sorprender. Eses son os dous obxectivos que quere acadar a oitava edición do Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons, promovida e organizada polo Concello de Vigo. Satisfacer os gustos e inquedanzas das audiencias do jazz que se dan cita na cidade e sorprender con propostas que baten —en sentido figurado— no espectador. Pola calidade, polo grao de innovación e pola capacidade de conexión cun público sempre ávido de emocións fortes. Imaxina Sons é un dos festivais de jazz máis prestixiosos da península. Dino os principais críticos de jazz e música contemporánea; tamén nolo di o público cada ano, que valora unha programación de jazz, europea, contemporánea e aberta.

O menú de cada edición procura recoller o dinamismo do jazz que se fai en Europa. Con especial atención á nosa contorna. Así o primeiro concerto do festival correrá a cargo de Luisa Sobral, estrela emerxente portuguesa cun disco que gaña ouvidos cada día: The Cherry on my Cake, e o peche vai a conta da Orquestra Voland, proxecto músico- literario, ideado por Roberto Somoza e Quinito Mourelle, que nos propoñen Oito pezas europeas. Entre os dous concertos, unha figura de grande relevancia para entender os procesos vangardistas do jazz continental a partir dos anos oitenta: o pianista Joachim Kühn. Tamén cunha proposta que inclúe a voz como instrumento para o jazz, o festival ten o pracer de contar con Dhafer Youssef quen, en formación de cuarteto, aterra en Imaxina Sons por vez primeira.

Outros músicos galegos como Iago Fernández, no conservatorio, presentan proxecto discográfico: tamén o MARCO acolle a proposta experimental de Suelen Estar Quartet, cuarteto de improvisación da nosa cidade. Será o mesmo escenario ao que subirán dous grandes solistas como Germán Díaz co Método cardiofónico e o cellista estadounidense Daniel Levin. Preto de nós, máis jazz, neste caso free, procedente de Portugal, con Rodrigo Amado Motion Trio en colaboración co saxo británico Paul Dunmall, e sons flamencos na proposta de Pablo Martín Caminero, un talento do jazz tan sólido como discreto. Noutra punta do abano artístico deste oitavo Imaxina Sons, atopamos a vía experimental na que levan transitando anos o colectivo Cabo San Roque e o artista multifacético Carles Santos; xuntos coa Maquinofobiapianolera ofrécennos un fermoso espectáculo pretecnolóxico nesta era da tecnoloxía.

Un Imaxina Sons de free jazz, de libre improvisación, de folclore, de electrónica, de contemporánea, etc. Un anaco do que hoxe en día se entende como jazz europeo; así queremos que sexa o número oito. Desde o Concello de Vigo somos conscientes de que Imaxina Sons non sería posible sen as e os artistas que cada ano fan destacar o programa, sen os espazos que se converten en sede do festival, sen as rapazas, os rapaces e os mestres das escolas de jazz, sen un grupo de cómplices como os responsables dos clubs locais, e, sobre todo, sen o público, o que espera cada edición con impaciencia, pero tamén aqueloutro que o festival ten que conquistar.

Pode comunicar connosco no seguinte enderezo ou ben usa-lo formulario:

Área de Cultura, Festas e Museos do Concello de Vigo
Praza do Rei, s/n
36202 VIGO
Teléfono:

  • 010 para chamadas realizadas desde teléfonos fixos de Vigo
  • 986 810 260 chamadas desde fóra de Vigo ou desde teléfono mobil.