Ao asexo de novas propostas que amplíen o abano de estilos da linguaxe do jazz, o festival Imaxina Sons de Vigo chega á quinta edición. Desde 2005 na procura dos movementos e das innovacións no contexto europeo, peninsular e galego como trazo de identidade. Promovido polo Concello de Vigo, o Imaxina Sons, como o seu nome xa indica, xurdiu para sorprender e arriscar, cunha filosofía propia e singular que provocou desde os seus inicios moitos parabéns e que o converteu nun punto de referencia do jazz peninsular. Lonxe da autocompracencia, Imaxina Sons medra para ofrecer en 2009 unha nova proposta de jazz, esa linguaxe de carácter indomable imposible de acalmar.
Atender as demandas das e dos afeccionados, servir como escaparate do jazz máis próximo e vangardista, acadar a implicación da cidadanía e captar a atención da crítica especializada. Eses son os cimentos sobre os que naceu o Imaxina Sons. Consciente do trascendental camiño propio seguido polo jazz europeo grazas á incorporación de referentes propios, a organización do festival optou desde a súa orixe pola singularidade e pola contemporaneidade. Do frío nórdico á suavidade mediterránea. Da flegma británica ao sotaque do alén Miño. Da centralidade francesa ao fervedoiro galego.
Cinco edicións do festival Imaxina Sons e cinco edicións tamén para o jazz feito aquí. Dentro do festival non constitúe un apéndice obrigado nin un apartado para minorías. O jazz galego dialoga na programación do festival en igualdade de condicións có resto das propostas chegadas de toda Europa porque Imaxina Sons non só acredita no jazz que se coce aquí, senón que é unha das súas razóns de ser. Non por proselitismo nin por chauvinismo gratuíto; hai xa algúns anos que as audiencias do jazz ollan cara a Galicia grazas aos centos de músicos que teiman nesta aposta, ás escolas que fan canteira, aos clubs e institucións que o programan, aos festivais que o consolidan e, sobre todo, ao público que o segue cunha fidelidade e paixón extraordinarias.